Recensión teatral de "Shakespeare para ignorantes"


     Neste espectáculo só veremos a tres persoas no escenario do teatro principal de Ourense, Quico Cadaval e o dúo cómico Mofa e Befa (Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira), acompañados por unha mesa, unha cadeira e o seu “dispositivo escénico”, ademais de varios obxectos que irán empregando a medida que representen os fragmentos das diversas obras de Shakespeare “seleccionados por Cadaval”. Cabe destacar que os tres son figuras destacadas do teatro galego, sendo Quico Cadaval actor, narrador, director e adaptador teatral, ademais de impulsor do movemento de radioteatros xurdido en Galicia na década dos noventa; mentres que Mofa e Befa chegaron a participar en acontecementos coma o Festival de teatro Español de autor contemporáneo de Alacant.

      Esta obra é, como di o título e nos expresa Quico Cadaval no comezo da mesma, unha conferencia orientada á xente que queira saber máis sobre a literatura de Shakespeare, así, a medida que Cadaval dá diversas explicacións sobre as características do seu teatro e o significado de certas expresións e accións dos personaxes, con especial atención ás súas aplicacións útiles en situacións da vida real (sobre todo no relacionado ao mundo dos asasinatos), o dúo interpreta os fragmentos da obra shakesperiana que ilustren as súas palabras.

      Dado que Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira conforman un dúo cómico, as súas actuacións son propias deste xénero, ao igual que en ocasións a forma de actuar de Cadaval, conseguindo así alixeirar a obra do autor do dramaturgo inglés, cargada de traxedia e traizóns.

      En canto aos elementos de deseño da produción como a iluminación ou o atrezzo, todo é correcto, é sinxelo, complementando así de forma sobresaínte a idea de ser unha obra orientada para ignorantes. Sen apenas atrezzo (sendo o principal elemento unha tea tea vermella), sen efectos de son máis alá do que facían os propios actores e só tres persoas no escenario, son capaces de cumprir, e mesmo superar, as expectativas dos espectadores.

      En conclusión, a obra no seu conxunto pareceume magnífica, está perfectamente organizada en torno ao tema principal, polo tanto, recomendaríaa a aqueles interesados en saber un pouco máis sobre a obra de Shakespeare e o teatro isabelino e están dispostos a recibir a información cargada de humor.

BEATRIZ FERRADÁS PACHECO, 2º BACH A

Comentarios

Publicacións populares