"Lume no pazo" de Ramón Cabanillas


LUME NO PAZO


Prendeu lume no pazo.

A roxa labarada
alumea a campía.

Atronan as campanas
o val.

Quentan o aire
espesas bafaradas
de fume.

Corre a xente
berrando, atolondrada.

Ao arder o cume, as tellas
enroxecen e estalan

Caen, cruxindo, as vigas,
e o lume, ás catro bandas
envolve a terra.

Muxen
de medo os bois nas cuadras.

A xente rube ao adro
para ver onde é a desgracia
e ao mirar cara o pazo
detense amontoada.

Érguense as mans ao ceo
e sanguiñenta, tráxica,
reréxase nos ollos
a roxa labarada.

E un velliño, moi vello,
de guedelliñas brancas,
que vive de milagre,
xantando cando xanta,
vestido de farrapos
e durmindo onde cadra
- todo por mor dun preito
de rendas atrasadas,
no que os donos do pazo
deixárono sen nada-
ollando cara o lume
rise, barulla e fala
de ir buscar o gaiteiro
para que toque a gaita!

RAMÓN CABANILLAS: Vento mareiro, 1915




Texto case cinematogtráfico de Ramón Cabanillas en que un dos símbolos do vello poder señorial sobre a terra, o pazo, aparece ardendo. 


Poesía prosaica descritiva e narrativa a través da cal Ramón Cabanillas céntrase no compromiso co agrarismo. Inclínase de maneira afectiva cara ó labrego representado agarimosamente como un velliño vello/de guedelliñas brancas. Apréciense as sinestesias visuais e auditivas dos primeiro versos que dan idea do incendio e da actuación do pobo. Divídese claramente en dúas partes moi diferenciadas nas que a estrofa final (desde o verso 26) é a máis impactante. (María Xesús Méndez Álvarez)


Comentarios

Publicacións populares