"Nós, os inadaptados"

I
Eu caracterizaría ós homes do meu tempo preocupados polas cousas do espírito, dicindo que eramos -e somos- os auténticos vencidos da vida (...) insatisfeitos, non conformistas, decote rebeldes. Vencidos da vida por inadaptados.
(...)
Efectivamente: introvertidos fomos ata non chegar a nós o galeguismo.

II
Os inadaptados son por definición os insatisfeitos do mundo sensible, os nemigos da realidade cotiá, os que procuran fuxir do medio que os rodea. De aquí a concepción da arte como evasión.
(...)
A nosa rebeldía consistía en segregármonos espiritualmente da sociedade, desapegármonos das súas tendencias e dos seus problemas, isolármonos na nosa alteirosa indiferencia dos seus afáns e trafegos, das loitas e porfías e a comprírmo-lo noso rol sen ledicia e sen pena, e principalmente sen interés ningún.

III
Eramos sinxelamente individualistas.
(...)
Non hai máis que ve-lo diferente significado que agora e entón ten e tiña a verba nós. Cando un do meu tempo dicía nós, se non refería endexamais ós da súa xeración, nin ós da súa clase; referíase decote a un pequeno agrupamento identificado no pensar e no facer, a unha escola, a unha capela, a un cenáculo (...)

......................

X
Ora o problema é cómo sendo como eramos e como somos, individualistas, inadaptados, antisociais, antigregarios, introvertidos, puidemos vir parar nunha cousa que semella tan cotiá e gregaria, como é o nacionalismo galego que na esencia é a afirmanza teimosa e forte da grei galega.
A resposta está dada, moito mellor do que eu puidera facelo, por Ramón Otero Pedrayo na súa novela Arredor de si.
Arredor de si, máis que unha novela, é a autobiografía non dun só home, senón dun agrupamento, case dunha xeración. É a autobiografía do cenáculo do autor ó que eu pertencín tamén. Polo seu mesmo individualismo, polo seu por min confesado egocentrismo, o noso agrupamento andou todo o tempo dando voltas arredor de si -e cada un arredor de si mesmo- sen atoparse endexamais de todo.
(...) Despois de tantas voltas e revoltas, despois de tantas viravoltas e trasvoltas polas lonxanías do espacio e do tempo, en procura de algo inédito que nos salvara do habitual e vulgar, viñemos dar na sorprendente descuberta de que Galicia, a nosa Terra, oculta ó noso ollar por un espeso estrato de cultura allea, falsa e ruín, vulgar e filistea, ofrecíanos un mundo tan esteso, tan novo, tan inédito, tan descoñecido, como os que andabamos a procurar por aí adiante.

Vicente RiscoNós, os inadaptados, in revista Nós, nº 115, 1933

Comentarios

Publicacións populares